Somos un colectivo de labregos e labregas que, desde o corazón da Costa da Morte, traballa para recuperar os sabores de antes para que os poidas cociñar no teu fogar.
Non só producimos hortalizas ecolóxicas; cultivamos biodiversidade. Rexeneramos o chan que nos sustenta e tecemos comunidade arredor dunha alimentación máis consciente, saudable e sostible a través do noso posto no Mercado.
A calidade do que comemos está intimamente ligada á saúde da nosa contorna e ao benestar das persoas que o traballan. Por iso, o noso proxecto é un ciclo completo de coidado, desde a terra ata a túa mesa.
Apostamos por unha relación de proximidade e de confianza coas persoas que se decantan pola cercanía e a calidade do noso produto.
A venda directa no noso posto na Praza de Lugo no corazón da cidade da Coruña dános precisamente iso, a posibilidade de manter o contacto directo con quen valora e aprecia o noso xeito de producir.
Se che gusta a idea, ven vernos ao mercado da Praza de Lugo na 2ª pranta.
A nosa horta é un espazo cheo de biodiversidade. Rescatamos e cultivamos variedades locais galegas, aquelas que as nosas avoas e avós coñecían ben.
Estas sementes, adaptadas durante xeracións ao noso clima e solo, non só ofrecen un sabor único, senón que son un piar de biodiversidade e sostibilidade.
Protexelas é protexer a nosa cultura e o noso territorio.
Co certificado do CRAEGA como garante, practicamos unha agricultura que coida a terra que nos alimenta. Non usamos químicos, usamos coñecemento, experiencia e técnica.
Nutrimos o chan con materia orgánica, fomentando a vida microbiana e planificando coidadosamente cada colleita respectando os ciclos naturais da nosa terra.
Un xeito de traballar baseado na sabedoría tradicional.
Máis alá de dar valor ao que facemos, damos tamén valor a como o facemos. Por ese motivo, non só apostamos por unha produción ecolóxica.
Apostamos tamén por un modelo de economía social en forma de cooperativa que xera empregos de calidade no territorio e demostra que facer as cousas doutra maneira é posible.